Sunday 05 de May de 2024

Medio Ambiente sanciona a Albada por non ter selado os vasos esgotados do vertedoiro de Nostián


A Xunta de Galicia vén de notificar esta resolución sancionadora á entidade explotadora desta instalación municipal para o tratamento de residuos urbanos na Coruña
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver a imposición dunha sanción por valor de 60.000 euros a Albada por non ter executado os traballos de selado nos vasos 2 e 3 do vertedoiro de Nostián, no Concello da Coruña, que dende hai varios anos tiña esgotados a súa capacidade totalmente.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático vén de notificar a resolución do expediente sancionador á entidade sancionada Babcock Kommunal MBH e Técnicas Medioambientais, Tecmed SA UTE, como entidade explotadora das instalacións municipais da Planta de Tratamento de Residuos Urbanos da Coruña, por infracción grave tipificada no artigo 31.3.b) do Real Decreto lexislativo 1/2016 do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da lei de prevención e control integrados da contaminación.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio emitiu en xuño de 2016 unha resolución pola que se modificaba a autorización ambiental integrada e se fixaba un prazo dun ano para a execución das obras de selado dos vasos 2 e 3 do vertedoiro de Nostián -xa esgotados-, por parte de Alabada . Dito período rematou o pasado 30 de xuño de 2017 e tras unha inspección dos técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental comprobouse que os traballos non estaban executados, nin iniciados.